Sonda Norte nas rúas de Ribadeo tamén en xuño

Fronte á crise, hai ideas. Con este titular se referiu o xornal El Progreso estes días a Sonda Norte. E non erran o máis mínimo dado que a plataforma segue dando que falar na vila de Ribadeo neste mes de xuño.

Este sábado, no marco dos Encontros Sonda Norte, Ugia Pedreira & Fred Martins compartirán saber e experiencia na Escola de Música, será no Salón de Actos situado no primeiro andar, ás 13’00 horas. Ambos presentan o seu disco ACRÓBATA no Teatro, ás nove da noite, no marco dunha xira que vén de levalos por Oxford, London, Bruxelas…Nuns días tamén o presentarán nun dos palcos máis interesantes de São Paulo, o do Sesc Belenzinho, que acollerá este disco editado por aCentral Folque.

Do mesmo xeito, este mes acollerá a participación de Sonda Norte na Noite Aberta que o venres 22 organiza o comercio ribadense a través de ACISA. Será unha tarde-noite de festa e moita arte na rúa. Artistas da plataforma recitarán poemas, pintarán escaparates, e algunhas outras sopresas que desvelaremos a semana que vén.

 

 


Oito artistas presentes nas rúas de Ribadeo

Ademais do que foi a propia intervención artística no marco do Ribadeo de Tapeo, a vila loce desde esta fin de semana outra cara, máis alegre e divertida. Son moitas as persoas que ao pasar deciden observar, fotografar ou comentar algunha das 11, nun días serán 12, tapas que decoran a rede de saneamento desde a rúa San Francisco ata a Rodríguez Murias, pasando polas catro rúas.

 Tanto a veciñanza como os propios artistas quedaron moi satisfeitos polo resultado, que deu moito que falar estes días nos medios e nas redes sociais.

 

 

 

Tapas de sumidoiros con moita arte en Ribadeo (La Voz de Galicia, 25/05/2012)              O Ribadeo de tapeo inspira aos artistas (La Voz de Galicia, 26/05/2012)                           O Ribadeo de tapeo deixa un magnífico sabor de boca  (La Voz de Galicia, 27/05/2012)

Moitas persoas visitaron a vila e levaron consigo un anaco do espírito artístico que inundou o tapeo ribadense. Ogallá o vindeiro ano se repita esta iniciativa, que pode trasladarse a outras rúas e facer partícipe a moitos e moitas outras artistas.


Sonda Norte participou no Ribadeo de Tapeo a través da Ruta da Tapas

A Ruta das Tapas consistiu nunha intervención artística na rúa, unha iniciativa para acompañar e fortalecer o Ribadeo de Tapeo, organizado desde hai anos, con moito éxito, pola área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo.

 Coa Ruta das Tapas, as e os artistas de Sonda Norte pretenderon, dun módulo lúdico e temporal complementar cultura e desenvolvemento económico así como trasladar á rúa contidos artísticos para convertela nun contedor cultural máis, horizontal e accesible para todos os públicos.

 A intervención comezou o xoves nas rúas de Ribadeo, aínda que o sábado foi o día grande desta iniciativa que encheu de cor o espazo público a través da pintada de tapas dos sumidoiros.

Participaron nesta intervención as e os seguintes artistas: Ánxela López Pulpeiro, Ribadeo, 1983. Nacho Riesco, Madrid, 1973. Andrea Lombardía, A Veiga, 1990. Héctor Peña, Ribadeo, 1981. María Teresa Castro, Mieres, 1955.  Ángel Sanz, Ribadeo, 1967. Jorge Álvarez Conde-Jotace, Ribadeo, 1989. Fernando Couto, Sâo Paulo, 1988


Primordiais, música e poesía desde o corazón.

O sábado 19 de maio Ribadeo acolleu a Primordiais no marco do ciclo Músicas Posíbeis e aproveitando a presenza do dúo na vila, Sonda Norte organizou un encontro con eles. Esta foi a segunda cita dentro do que están a ser os Encontros promovidos pola plataforma.

Marcelo e Luís levan moitos anos traballando en diferentes artes relacionadas coa música, a danza e tamén coa recollida e interpretación do repertorio transmitido durante décadas a través da oralidade. Centran a súa investigación principalmente no sur da provincia de Pontevedra onde, fai un tempo, descubriron que o amor polas notas musicais non era o único que tiñan en común senón tamén coincidencias na súas árbores xenealóxicas.

O encontro trascorreu nun ambiente moi próximo no que ambos explicaron de primeira man a súa ilusión neste proxecto e a importancia da interpretación desde formatos próximos ao público. Do mesmo xeito, confesaron que a creatividade e a improvisación son características nas que se basea o seu traballo e ás que lles gusta non poñer límites.

No vindeiro programa da Sonda Norte TV poderedes escoitar como responderon ás preguntas d@s sondanorteñ@s que acudiron ao encontro.


Mes de maio cargado de actividades Sonda Norte.

Chega o bo tempo e, con el, a axenda cultural en Ribadeo acelérase. Poucas vilas da Mariña poden presumir dun calendario tan completo no que Sonda Norte vai ter moito que ver.

O día 19, con motivo do concerto de Primordiais en Ribadeo, Sonda Norte aproveita para organizar un novo encontro no marco de Sonda Norte Encontros e Formación. Será ás 13 horas na Escola Municipal de Música e Danza e contará coa presenza de Marcelo González  e Luís Martíns. Este dúo prepara o seu primeiro disco ao longo da súa xira por terras mariñás.

Tamén estamos traballando na montaxe da Exposición de Ilustración, Cómic e Banda Deseñada que acollerá obras dunha ducia de artistas locais, como sabedes, este evento da Sala Sonda Norte terá tamén a súa proxección na rúa. Será o sábado  26 de maio, no marco do Ribadeo de Tapeo. As e os participantes na exposición trasladarán unha das súas obras á ‘Ruta das tapas’, unha intervención que encherá de cor as catro rúas.

Pero, non só se vai vivir de coloridas tapas este mes, cómpre destacar outras citas de interese como son  o teatro de Volta e Dálle coa obra Menciñeiros, o Concertos das Letras Galegas o día 17, a Semana do Comercio Xusto da man de Amarante e do S.L.G entre o 13 e o 16 de maio, así como tamén a proposta para as mulleres de pasar polas augas do balneario de Guitiriz o día 20. Podedes estar ao tanto destes e doutros contidos nas redes sociais e nos medios de comunicación locais.


Aline Frazão e Sérgio Tannus, complicidade entre cordas.

Sonda Norte convidou a Aline Frazão a participar nun encontro con músicos e músicas de Ribadeo e con persoas interesadas en escoitar de primeira man a súa historia. A cantante acudiu acompañada do multi-instrumentista brasileiro Sérgio Tannus, que esa mesma noite fixo soar moitar cordas no concerto que ambos deron na vila.

Aline manifestou a súa satisfacción por ter sido convidada a compartir o seu saber e experiencia e aínda que o público do encontro foi máis ben tímido, recoñeceu o a gusto que se atopa vivindo en Santiago de Compostela onde pode “vivir e desenvolverse na súa lingua nai”. Explicou a relación entre algúns tipos de músicas africanas e como estas influiron no seu disco. Do mesmo xeito, a cantante describiu o importante que resultou para ela o proceso de gravación do álbum, e o arroupada que se sentiu neses momentos por artistas galegas como Uxía Senlle.

A angolana, consciente da necesidade de volver algún día ao seu lugar de orixe, non descartou seguir o camiño que iniciou anos atrás tras deixar Luanda para trasladarse a estudar a Lisboa; que posteriormente a levou a Barcelona ou Madrid e que actualmente a fica en Santiago de Compostela, desde onde promociona o seu primeiro disco, Clave Bantu.

Sérgio Tannus amosou a súa face máis cómica e divertida ao tempo que recoñeceu a valía de Aline e o potencial da súa voz e da súa personalidade.

Foi, sen dúbida, un pracer escoitar da súa boca algo máis que música, algo que nos axuda a comprender o porque das súas letras, algo que nos achega aos lugares do sur e nos fai pensar sobre os lugares do norte…


Capítulo 2 da SN TV.

Xa está aquí o segundo programa da Sonda Norte TV no que se repasa o mes de abril e se adianta a programación para as vindeiras semanas. Lembrade, a participación de Sonda Norte no Ribadeo de Tapeo, a exposición colectiva de Cómic, BD, e Ilustración e a publicación dun caderno literario escrito e ilustrado por mulleres da vila.

Sonda Norte TV. Temporada 1. Episodio 2 (descarga).

Dirixido e realizado por: elfarero www.elfarero.com

Presentado por: Silvia Martínez e Gonzalo Alonso.


A angolana Aline Frazão compartirá saber e experiencia en Ribadeo.

O sábado 28 de abril entre a unha e as dúas da tarde na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Aline Frazão compartirá saber e experiencia con músicos e músicas, artistas locais e xente interesada en participar do encontro.  Aproveitando a súa presenza na vila, queremos dar a oportunidade de conversar con ela sobre a súa traxectoria musical ata a publicación do seu álbum Clave Bantú, escrito ao longo da travesía Luanda-Lisboa-Barcelona-Madrid-Santiago.

Aline Frazão dará esa noite un concerto no Teatro de Ribadeo ás 21 horas.

Esta  é unha inciativa promovida por Sonda Norte que vén a contribuir ao cumprimento dos obxectivos da plataforma e a dar valor engadido á programación de concertos que se están a desenvolver no marco de Músicas Posíbeis.

Pregamos ás persoas interesadas en acudir ao encontro que o comuniquen no enderezo electrónico sondanorte@ribadeo.org ou no teléfono 982 129 889.


A sondanorteña Ánxela López Pulpeiro saiu na sección Emerxentes de La Voz de Galicia.

O  venres pasado, na Sala Sonda Norte, La Voz de Galicia entrevistou á sondanorteña Ánxela López Pulpeiro, amante da ilustración, da pintura ou da fotografía. Esta muller non renuncia a nada con tal de seguir no camiño da creación artística. Proximamente poderemos ver algunhas das súas obras na primeira exposición que está organizando a plataforma Sonda Norte.

“Vivir da arte é complicado, máis coa crise e cos recortes”

“Gústame xogar coas miradas e as caras”

“Un reto: fomentar cultura e creación”


Laura Rodríguez gaña o segundo premio do concurso de creación dos IV Encontros de Banda Deseñada da Mariña

Laura Rodríguez, moza ribadense, participou na categoría aberta do concurso de creación celebrado no marco dos IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña que o IES Perdouro de Burela leva organizando varios anos. E conseguiu o segundo premio. Foi con “Benvido”, obra que dentro duns días formará parte da I Exposición de Banda Deseñada, Cómic e Ilustración que promove Sonda Norte en Ribadeo.

A entrega de premios correu a cargo de Brais Rodríguez, que destaca hoxe como un dos xoves talentos do cómic en Galicia. O seu nome sona desde fai tempo vinculado co de outros profesionais desta disciplina e á posta en marcha de proxectos como Barsowia. Gañador de varios premios a nivel galego e estatal, este mozo achegouse a Burela para compartir experiencia coas persoas gañadoras do concurso creativo.

Felicitamos desde Sonda Norte a Laura, de 17 anos, que nuns días poderemos escoitar no segundo programa da Sonda Norte TV, e desexámoslle unha longa e produtiva traxectoria no mundo da ilustración e do manga.