Mónica Justo na sala Sonda Norte

O pasado 2 de novembro a artista ribadense Mónica Justo inauguraba a primeira das exposicións individuais de Sonda Norte. Doce obras cun estilo moi persoal ocuparán ata o 30 de novembro as paredes da sala situada no primeiro andar da Casa da Xuventude de Ribadeo.

Se aínda non o fixeches, convidámoste a sumerxirte no mundo de cor e sensacións ao que nos traslada Mónica Justo nesta súa primeira exposición.

O horario de visitas da Sala Sonda Norte é de luns a xoves de 9,30 a 13,30 e de 16,00 a 20,00 horas, os venres de 9,30 a 13,30 horas e os sábados de 12,00 a 14,00 horas. Non perdas esta oportunidade!

Entrevista no Ribadeo Muller a Mónica Justo.


Cámara, acción…

Nas pasadas semanas tivo lugar a gravación do videoclip da ópera Rockstation. Cun importante elenco local, as imaxes dan vida a unha composión do ribadense José Carlos Díaz baseada nun relato do escritor escocés Robert Stevenson.

 
A dirección estivo a cargo de Daniel Méndez que, ademais de dirixir, protagonizou o videoclip. A realización foi labor de Elfarero que botou man de varias localizacións para ambientar a historia.

Este é un dos primeiros proxectos audiovisuais de Ribadeo que conta coa colaboración de Sonda Norte na súa realización. Agora só tocar agardar á súa estrea na vila.


Que foi de Sonda Norte desde o verán?

Xa fai meses que non destacamos ningunha intervención de Sonda Norte nesta web. E aínda que o outono-inverno vén cargadado de nova programación, gustaríanos facer repaso do que foi Sonda Norte no verán e dos proxectos que durante os meses de agosto e setembro se desenvolveron nas rúas ribadenses por parte da plataforma.

Mariñarte tivo lugar no Forte de San Damián, onde se puideron ver obras de varios artistas locais entre as que destacamos a técnica mixta da sondanorteña Ánxela López Pulpeiro.

Do mesmo xeito chamou a atención a curta Carambel, da novel Andrea Lombardía, que con tan só 22 anos está participando activamente en case todas as propostas que Sonda Norte está desenvolvendo en Ribadeo.

Carambel de Andrea Lombardía

Xunto a Mariñarte, a Exporock foi outro dos proxectos do Verán Sonda Norte, todo un éxito o día da inauguración e tamén o tempo que permaneceu exposta na Sala Sonda Norte. Cherry e Rober foron protagonistas de notas de prensa, programas de radio, entrevistas…

 

 

 

 

 

Como actividades dirixidas á infancia, na Casa do Viejo Pancho tivo lugar un obradoiro de plastilina, tamén no mes de agosto, guiado por Andrea Lombardía e alumnas en prácticas do curso de monitoras de tempo libre que se impartiu na vila durante a primavera.

Co gallo das Festas Patronais, o Rúacital chamou ás portas da rúa San Francisco, un clásico xa na programación Sonda Norte os versos de Silvia Murias e Víctor Villar acompañados da guitarra de Héctor Peña.

Tampouco pasou inadvertida a edición deste ano do Ribadeo Player’s o 7 de setembro. Á parte de moita música e concertos, contemplou no cartel diferentes exhibicións e obradoiros. Deixámosvos un repaso do que foi.

Ribadeo Player´s 2012

 


Capítulo 3 da SN TV

Xa podedes ver o terceiro capítulo da Sonda Norte TV, que dá conta do traballo desenvolvido pola plataforma nos últimos meses: Encontros con músicos e músicas; Ruta das Tapas; Ribadeo Aberto; Exposición de Cómic, Ilustración e Banda Deseñada…

Dirixido e realizado por: elfarero www.elfarero.com                                                    Presentado por: Gonzalo Alonso.

Sonda Norte TV. Temporada 1. Episodio 3 (descarga).


Agosto Sonda Norte nas rúas de Ribadeo

O Agosto Sonda Norte vén complementando a programación cultural da vila desde a presentación de Mariñarte o día 10 de agosto, pero do que tamén forman parte a Exporock Ribadeo, varios obradoiros para grandes e pequenos, un RúaCital e algunhas outras sorpresas como a que se deu a coñecer estes días coa participación de varias bandas locais no Festival Rock Festas Patronais que terá lugar o 31 de agosto. É, sen dúbida, unha aposta que parte do talendo e das ganas de moitos e moitas artistas ribadenses que queren acompañar os días de festa con arte e música.
Ademais das exposicións que podedes visitar estes días no Forte de San Damián e na Casa da Xuventude, mañá xoves ao longo da tarde, Andrea Lombardía impartirá un obradoiro de creación con plastilina no Parque San Francisco. Outra cita importante será o 1 de setembro, día no que Sergio Irigoyen desenvolverá varios talleres de creación literaria. Do mesmo xeito, seguramente no marco das Festas Patronais, poderemos gozar cos versos de Silvia Murias e Víctor Villar, nun RúaCital acompañado pola guitarra de Héctor Peña.


Exporock Ribadeo…unha viaxe á historia do «pequeno Seattle»

Hoxe, 17 de agosto, ás 20.00 horas, abre as súas portas na Casa da Xuventude ExpoRock Ribadeo, a segunda exposición que organiza o colectivo Sonda Norte.
Pero esta mostra ten un “aquel” que a fai diferente. É unha exposición en construcción permanente. A base, que andan artellando estes días Rober e Cherry, é un percorrido pola historia do rock en Ribadeo dende os anos 60 até hoxe da man de imaxes dos grupos, dos concertos celebrados, camisolas, discos ou algún instrumento…
Os piares iranse erguendo ao longo dos días nos que se atope aberta. Por que? Porque este caderno de viaxe polo rock local ten aínda moitas páxinas por encher que agardan polas lembranzas, anécdotas ou detalles de todas aquelas persoas que formaron parte dalgún dos grupos ou que simplemente gustaron deles como público. De aí que a ExpoRock Ribadeo apareza tamén como punto de encontro para recuperar de xeito conxunto a memoria historia do rock local e máis como alicerce para as novas xeracións, para convidalas a seguir escribindo novas páxinas na particular historia deste “pequeno Seattle” que é Ribadeo.
Na mostra non faltan nomes coma Atila, Amigos de lo Ajeno, Inerte, Beetle Judge, Sempre se Fixo, Voodow Crow, A Contrabanda e moitos outros…


Dá comezo a quinta edición de Mariñarte

O Forte de San Damián abre as súas portas a unha nova edición de Mariñarte. Desta volta poderás atopar propostas artísticas de fotografía, pintura e animación coa sinatura de Nacho Riesco, David Catá, Adri Pardo, ElFarero, Maiteresa, Ánxela López Pulpeiro, David Ribas Pena e Andrea Lombardía.
 
Está aberta ao público até o 26 de agosto en horario de 11,30 a 13,30 h. e de 18,30 a 20,30 h.
 
Mariñarte está organizado pola delegación de cultura do Concello de Ribadeo coa colaboración do colectivo Sonda Norte e máis do departamento de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.


O Tren de Moebius estrea na praia das Illas o seu espectáculo ARDORA

O grupo O Tren de Moebius presenta este sábado, 7 de xullo, ás 21,15, na praia das Illas o seu espectáculo Ardora, unha mestura de danza piano e poesía escenificada á beira do mar coincidindo coa marea baixa.

O Tren de Moebius está formado por Martín Bucki (piano), María Justo (danza) e Víctor Villar (poesía.).

Esta é unha intervención organizada dentro da programación Sonda Norte e á que estades todos e todas convidados.


Sonda Norte inaugura a súa primeira exposición

Unha cita que todos e todas estabades agardando. Sonda Norte dá un paso máis  para presentarnos unha sala centrada fundamentalmente na ilustración e na banda deseñada feita en Ribadeo. Logo de varias semanas de traballo dedicadas á selección e á montaxe, a plataforma cultural estrea o primeiro andar da Casa da Xuventude cunha composición repleta de ilustracións de todo tipo e en múltiples formatos e soportes que reflicten o espírito Sonda Norte.

É, sen dúbida, un resultado dos moitos posíbeis, pero que asume a flexibilidade e a diversidade como valores a ter en conta. Desde o finado Suso Peña ata a novísima Laura Rodríguez (Getafe-Madrid, 1994), todos comparten traxectoria vital na vila ribadense e amor polo lápis e o papel. Sexa como for, Sonda Norte está satisfeita con este traballo que, agarda, sexa útil na difusión do talento e da creatividade dos nosos artistas.

A inauguración terá lugar o venres, 6 de xullo, ás 20 horas e estará instalada ata o 3 de agosto. A Sala Sonda Norte está situada no primeiro andar da Casa da Xuventude, ao carón da Biblioteca Municipal.

Obra de Suso Peña (Ribadeo, 1941-2005).
Jorge Monlongo (Ribadeo, 1977).
Nacho Riesco (Madrid, 1973).
Ánxela López Pulpeiro (Ribadeo, 1983).
Fernando Couto (São Paulo-Brasil, 1988).
Andrea Lombardía (Ribadeo, 1990).
Héctor Peña (Ribadeo, 1981).
Chenchu López (Ribadeo, 1975).
Jotace (Ribadeo, 1989).
Laura Rodríguez (Getafe-Madrid, 1994).
Arturo Mogo (Ferreira do Valadouro, 1956).
José Pujadas (Viña del Mar-Chile, 1972).
Munníacos Tour (Lugo, 2011).


Éxito de Sonda Norte no Ribadeo Aberto

O pasado venres foi unha noite especial. Ademais da decisión do comercio ribadense de abrir as súas portas ata case entrada a media noite, Sonda Norte consolidou o seu compromiso co desenvolvemento local da vila, acompañando a iniciativa do Ribadeo Aberto.

Ao mediodía, Jotace comezou a súa pintada nun muro situado na rúa Ramón González. Desprazouse desde Lugo exclusivamente para plasmar na parede o Ribadeo Móvese que, desde fai meses, vén sendo o lema do comercio. Ata ben pasadas as seis da tarde, o artista perfilou á perfección letras e siluetas, nun mural que acompañará unhas semanas os paseos pola vila.

As seguintes citas déronse todas a partir das nove da noite, momento no que María Justo e as súas alumnas da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo bailaron ao son da música, tamén na rúa. Desta volta en Rodríguez Murias, acaparando a atención dunha boa parte da xente que, a esa hora, se concentraba nas catro rúas. As actuacións sucedéronse en varias quendas ata ben entradas as dez da noite.

As fotografías de Alba López tamén recorreron as paredes dalgúns comercios, aínda que a chegada tardía da noite dificultou levemente o visionado das imaxes. Cousa curiosa, a de proxectar fotos así, en plena rúa, e máis cando tentan transmitir a necesidade de revelarse contra unha realidade social que nos afoga.

Pero sen dúbida, unha das actuacións estrela da tarde-noite, foi a do trío composto por Víctor Villar, Silvia Murias e Héctor Peña. Non pasou desapercibio o seu RúaCital que, desde as nove da noite sorprendeu coa letra e coa música de poemas e composicións melódicas. A maratón musical deu para tres actuacións, sendo a última, a das once da noite, a máis longa e relaxada en plena rúa San Francisco. Foron abundantes os aplausos, a emoción e a poesía a rítmo de guitarra. Non podemos senón dar a noraboa pola iniciativa.