A Ruta das Tapas consistiu nunha intervención artística na rúa, unha iniciativa para acompañar e fortalecer o Ribadeo de Tapeo, organizado desde hai anos, con moito éxito, pola área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo.
Coa Ruta das Tapas, as e os artistas de Sonda Norte pretenderon, dun módulo lúdico e temporal complementar cultura e desenvolvemento económico así como trasladar á rúa contidos artísticos para convertela nun contedor cultural máis, horizontal e accesible para todos os públicos.
A intervención comezou o xoves nas rúas de Ribadeo, aínda que o sábado foi o día grande desta iniciativa que encheu de cor o espazo público a través da pintada de tapas dos sumidoiros.
Participaron nesta intervención as e os seguintes artistas: Ánxela López Pulpeiro, Ribadeo, 1983. Nacho Riesco, Madrid, 1973. Andrea Lombardía, A Veiga, 1990. Héctor Peña, Ribadeo, 1981. María Teresa Castro, Mieres, 1955. Ángel Sanz, Ribadeo, 1967. Jorge Álvarez Conde-Jotace, Ribadeo, 1989. Fernando Couto, Sâo Paulo, 1988