Éxito de Sonda Norte no Ribadeo Aberto

O pasado venres foi unha noite especial. Ademais da decisión do comercio ribadense de abrir as súas portas ata case entrada a media noite, Sonda Norte consolidou o seu compromiso co desenvolvemento local da vila, acompañando a iniciativa do Ribadeo Aberto.

Ao mediodía, Jotace comezou a súa pintada nun muro situado na rúa Ramón González. Desprazouse desde Lugo exclusivamente para plasmar na parede o Ribadeo Móvese que, desde fai meses, vén sendo o lema do comercio. Ata ben pasadas as seis da tarde, o artista perfilou á perfección letras e siluetas, nun mural que acompañará unhas semanas os paseos pola vila.

As seguintes citas déronse todas a partir das nove da noite, momento no que María Justo e as súas alumnas da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo bailaron ao son da música, tamén na rúa. Desta volta en Rodríguez Murias, acaparando a atención dunha boa parte da xente que, a esa hora, se concentraba nas catro rúas. As actuacións sucedéronse en varias quendas ata ben entradas as dez da noite.

As fotografías de Alba López tamén recorreron as paredes dalgúns comercios, aínda que a chegada tardía da noite dificultou levemente o visionado das imaxes. Cousa curiosa, a de proxectar fotos así, en plena rúa, e máis cando tentan transmitir a necesidade de revelarse contra unha realidade social que nos afoga.

Pero sen dúbida, unha das actuacións estrela da tarde-noite, foi a do trío composto por Víctor Villar, Silvia Murias e Héctor Peña. Non pasou desapercibio o seu RúaCital que, desde as nove da noite sorprendeu coa letra e coa música de poemas e composicións melódicas. A maratón musical deu para tres actuacións, sendo a última, a das once da noite, a máis longa e relaxada en plena rúa San Francisco. Foron abundantes os aplausos, a emoción e a poesía a rítmo de guitarra. Non podemos senón dar a noraboa pola iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>