Sonda Norte no CULTURGAL

Ribadeo participa por vez primeira no CULTURGAL, o escaparate da cultura galega que vai ter lugar esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O sábado ás 19,30 h. terá lugar o famoso RÚACITAL. Será, coma sempre a cargo da guitarra de Héctor Peña, as cancións de Víctor Villar e os poemas de Silvia Murias.

Esta participación está encadrada dentro do proxecto Sonda Norte Exporta cuxo principal obxectivo é o de presentar a plataforma en diversos escenarios culturais e poñer en valor as e os artistas ribadenses. Así que xa sabedes, todas as persoas que estes días vos atopedes pola zona sur estades convidadas a asistir.


Axenda Feminista para o 2013

Xa está a venda a Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade para o ano 2013. Este ano, adicada ás escritoras galegas, conta coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e da sondanorteña Andrea Lombardía no deseño da cuberta (andrea.lombardia@hotmail.com).

A un prezo de 10€ podes adquirila en Ribadeo nas tendas Bis a Bis, A Casa das Letras e Guidán. Tamén á venda na libraría de mulleres Lila de Lilith en Santiagao de Compostela; na libraría Porta da Vila de Viveiro; en Comercial Auma e Libraría Atril de Burela e na Libraría Bahía de Foz.

Se no podes achegarte a ningún destes espazos, podes escribir ou chamar ao Observatorio da Mariña pola Igualdade (observatorioigualdade@gmail.com), que seguro vola poderán facer chegar.


Mónica Justo na sala Sonda Norte

O pasado 2 de novembro a artista ribadense Mónica Justo inauguraba a primeira das exposicións individuais de Sonda Norte. Doce obras cun estilo moi persoal ocuparán ata o 30 de novembro as paredes da sala situada no primeiro andar da Casa da Xuventude de Ribadeo.

Se aínda non o fixeches, convidámoste a sumerxirte no mundo de cor e sensacións ao que nos traslada Mónica Justo nesta súa primeira exposición.

O horario de visitas da Sala Sonda Norte é de luns a xoves de 9,30 a 13,30 e de 16,00 a 20,00 horas, os venres de 9,30 a 13,30 horas e os sábados de 12,00 a 14,00 horas. Non perdas esta oportunidade!

Entrevista no Ribadeo Muller a Mónica Justo.


Cámara, acción…

Nas pasadas semanas tivo lugar a gravación do videoclip da ópera Rockstation. Cun importante elenco local, as imaxes dan vida a unha composión do ribadense José Carlos Díaz baseada nun relato do escritor escocés Robert Stevenson.

 
A dirección estivo a cargo de Daniel Méndez que, ademais de dirixir, protagonizou o videoclip. A realización foi labor de Elfarero que botou man de varias localizacións para ambientar a historia.

Este é un dos primeiros proxectos audiovisuais de Ribadeo que conta coa colaboración de Sonda Norte na súa realización. Agora só tocar agardar á súa estrea na vila.


Que foi de Sonda Norte desde o verán?

Xa fai meses que non destacamos ningunha intervención de Sonda Norte nesta web. E aínda que o outono-inverno vén cargadado de nova programación, gustaríanos facer repaso do que foi Sonda Norte no verán e dos proxectos que durante os meses de agosto e setembro se desenvolveron nas rúas ribadenses por parte da plataforma.

Mariñarte tivo lugar no Forte de San Damián, onde se puideron ver obras de varios artistas locais entre as que destacamos a técnica mixta da sondanorteña Ánxela López Pulpeiro.

Do mesmo xeito chamou a atención a curta Carambel, da novel Andrea Lombardía, que con tan só 22 anos está participando activamente en case todas as propostas que Sonda Norte está desenvolvendo en Ribadeo.

Carambel de Andrea Lombardía

Xunto a Mariñarte, a Exporock foi outro dos proxectos do Verán Sonda Norte, todo un éxito o día da inauguración e tamén o tempo que permaneceu exposta na Sala Sonda Norte. Cherry e Rober foron protagonistas de notas de prensa, programas de radio, entrevistas…

 

 

 

 

 

Como actividades dirixidas á infancia, na Casa do Viejo Pancho tivo lugar un obradoiro de plastilina, tamén no mes de agosto, guiado por Andrea Lombardía e alumnas en prácticas do curso de monitoras de tempo libre que se impartiu na vila durante a primavera.

Co gallo das Festas Patronais, o Rúacital chamou ás portas da rúa San Francisco, un clásico xa na programación Sonda Norte os versos de Silvia Murias e Víctor Villar acompañados da guitarra de Héctor Peña.

Tampouco pasou inadvertida a edición deste ano do Ribadeo Player’s o 7 de setembro. Á parte de moita música e concertos, contemplou no cartel diferentes exhibicións e obradoiros. Deixámosvos un repaso do que foi.

Ribadeo Player´s 2012