Capítulo 3 da SN TV

Xa podedes ver o terceiro capítulo da Sonda Norte TV, que dá conta do traballo desenvolvido pola plataforma nos últimos meses: Encontros con músicos e músicas; Ruta das Tapas; Ribadeo Aberto; Exposición de Cómic, Ilustración e Banda Deseñada…

Dirixido e realizado por: elfarero www.elfarero.com                                                    Presentado por: Gonzalo Alonso.

Sonda Norte TV. Temporada 1. Episodio 3 (descarga).


Agosto Sonda Norte nas rúas de Ribadeo

O Agosto Sonda Norte vén complementando a programación cultural da vila desde a presentación de Mariñarte o día 10 de agosto, pero do que tamén forman parte a Exporock Ribadeo, varios obradoiros para grandes e pequenos, un RúaCital e algunhas outras sorpresas como a que se deu a coñecer estes días coa participación de varias bandas locais no Festival Rock Festas Patronais que terá lugar o 31 de agosto. É, sen dúbida, unha aposta que parte do talendo e das ganas de moitos e moitas artistas ribadenses que queren acompañar os días de festa con arte e música.
Ademais das exposicións que podedes visitar estes días no Forte de San Damián e na Casa da Xuventude, mañá xoves ao longo da tarde, Andrea Lombardía impartirá un obradoiro de creación con plastilina no Parque San Francisco. Outra cita importante será o 1 de setembro, día no que Sergio Irigoyen desenvolverá varios talleres de creación literaria. Do mesmo xeito, seguramente no marco das Festas Patronais, poderemos gozar cos versos de Silvia Murias e Víctor Villar, nun RúaCital acompañado pola guitarra de Héctor Peña.


Exporock Ribadeo…unha viaxe á historia do «pequeno Seattle»

Hoxe, 17 de agosto, ás 20.00 horas, abre as súas portas na Casa da Xuventude ExpoRock Ribadeo, a segunda exposición que organiza o colectivo Sonda Norte.
Pero esta mostra ten un “aquel” que a fai diferente. É unha exposición en construcción permanente. A base, que andan artellando estes días Rober e Cherry, é un percorrido pola historia do rock en Ribadeo dende os anos 60 até hoxe da man de imaxes dos grupos, dos concertos celebrados, camisolas, discos ou algún instrumento…
Os piares iranse erguendo ao longo dos días nos que se atope aberta. Por que? Porque este caderno de viaxe polo rock local ten aínda moitas páxinas por encher que agardan polas lembranzas, anécdotas ou detalles de todas aquelas persoas que formaron parte dalgún dos grupos ou que simplemente gustaron deles como público. De aí que a ExpoRock Ribadeo apareza tamén como punto de encontro para recuperar de xeito conxunto a memoria historia do rock local e máis como alicerce para as novas xeracións, para convidalas a seguir escribindo novas páxinas na particular historia deste “pequeno Seattle” que é Ribadeo.
Na mostra non faltan nomes coma Atila, Amigos de lo Ajeno, Inerte, Beetle Judge, Sempre se Fixo, Voodow Crow, A Contrabanda e moitos outros…


Dá comezo a quinta edición de Mariñarte

O Forte de San Damián abre as súas portas a unha nova edición de Mariñarte. Desta volta poderás atopar propostas artísticas de fotografía, pintura e animación coa sinatura de Nacho Riesco, David Catá, Adri Pardo, ElFarero, Maiteresa, Ánxela López Pulpeiro, David Ribas Pena e Andrea Lombardía.
 
Está aberta ao público até o 26 de agosto en horario de 11,30 a 13,30 h. e de 18,30 a 20,30 h.
 
Mariñarte está organizado pola delegación de cultura do Concello de Ribadeo coa colaboración do colectivo Sonda Norte e máis do departamento de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.