Aline Frazão e Sérgio Tannus, complicidade entre cordas.

Sonda Norte convidou a Aline Frazão a participar nun encontro con músicos e músicas de Ribadeo e con persoas interesadas en escoitar de primeira man a súa historia. A cantante acudiu acompañada do multi-instrumentista brasileiro Sérgio Tannus, que esa mesma noite fixo soar moitar cordas no concerto que ambos deron na vila.

Aline manifestou a súa satisfacción por ter sido convidada a compartir o seu saber e experiencia e aínda que o público do encontro foi máis ben tímido, recoñeceu o a gusto que se atopa vivindo en Santiago de Compostela onde pode “vivir e desenvolverse na súa lingua nai”. Explicou a relación entre algúns tipos de músicas africanas e como estas influiron no seu disco. Do mesmo xeito, a cantante describiu o importante que resultou para ela o proceso de gravación do álbum, e o arroupada que se sentiu neses momentos por artistas galegas como Uxía Senlle.

A angolana, consciente da necesidade de volver algún día ao seu lugar de orixe, non descartou seguir o camiño que iniciou anos atrás tras deixar Luanda para trasladarse a estudar a Lisboa; que posteriormente a levou a Barcelona ou Madrid e que actualmente a fica en Santiago de Compostela, desde onde promociona o seu primeiro disco, Clave Bantu.

Sérgio Tannus amosou a súa face máis cómica e divertida ao tempo que recoñeceu a valía de Aline e o potencial da súa voz e da súa personalidade.

Foi, sen dúbida, un pracer escoitar da súa boca algo máis que música, algo que nos axuda a comprender o porque das súas letras, algo que nos achega aos lugares do sur e nos fai pensar sobre os lugares do norte…


Capítulo 2 da SN TV.

Xa está aquí o segundo programa da Sonda Norte TV no que se repasa o mes de abril e se adianta a programación para as vindeiras semanas. Lembrade, a participación de Sonda Norte no Ribadeo de Tapeo, a exposición colectiva de Cómic, BD, e Ilustración e a publicación dun caderno literario escrito e ilustrado por mulleres da vila.

Sonda Norte TV. Temporada 1. Episodio 2 (descarga).

Dirixido e realizado por: elfarero www.elfarero.com

Presentado por: Silvia Martínez e Gonzalo Alonso.


A angolana Aline Frazão compartirá saber e experiencia en Ribadeo.

O sábado 28 de abril entre a unha e as dúas da tarde na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Aline Frazão compartirá saber e experiencia con músicos e músicas, artistas locais e xente interesada en participar do encontro.  Aproveitando a súa presenza na vila, queremos dar a oportunidade de conversar con ela sobre a súa traxectoria musical ata a publicación do seu álbum Clave Bantú, escrito ao longo da travesía Luanda-Lisboa-Barcelona-Madrid-Santiago.

Aline Frazão dará esa noite un concerto no Teatro de Ribadeo ás 21 horas.

Esta  é unha inciativa promovida por Sonda Norte que vén a contribuir ao cumprimento dos obxectivos da plataforma e a dar valor engadido á programación de concertos que se están a desenvolver no marco de Músicas Posíbeis.

Pregamos ás persoas interesadas en acudir ao encontro que o comuniquen no enderezo electrónico sondanorte@ribadeo.org ou no teléfono 982 129 889.


A sondanorteña Ánxela López Pulpeiro saiu na sección Emerxentes de La Voz de Galicia.

O  venres pasado, na Sala Sonda Norte, La Voz de Galicia entrevistou á sondanorteña Ánxela López Pulpeiro, amante da ilustración, da pintura ou da fotografía. Esta muller non renuncia a nada con tal de seguir no camiño da creación artística. Proximamente poderemos ver algunhas das súas obras na primeira exposición que está organizando a plataforma Sonda Norte.

“Vivir da arte é complicado, máis coa crise e cos recortes”

“Gústame xogar coas miradas e as caras”

“Un reto: fomentar cultura e creación”


Laura Rodríguez gaña o segundo premio do concurso de creación dos IV Encontros de Banda Deseñada da Mariña

Laura Rodríguez, moza ribadense, participou na categoría aberta do concurso de creación celebrado no marco dos IV Encontros de Banda Deseñada na Mariña que o IES Perdouro de Burela leva organizando varios anos. E conseguiu o segundo premio. Foi con “Benvido”, obra que dentro duns días formará parte da I Exposición de Banda Deseñada, Cómic e Ilustración que promove Sonda Norte en Ribadeo.

A entrega de premios correu a cargo de Brais Rodríguez, que destaca hoxe como un dos xoves talentos do cómic en Galicia. O seu nome sona desde fai tempo vinculado co de outros profesionais desta disciplina e á posta en marcha de proxectos como Barsowia. Gañador de varios premios a nivel galego e estatal, este mozo achegouse a Burela para compartir experiencia coas persoas gañadoras do concurso creativo.

Felicitamos desde Sonda Norte a Laura, de 17 anos, que nuns días poderemos escoitar no segundo programa da Sonda Norte TV, e desexámoslle unha longa e produtiva traxectoria no mundo da ilustración e do manga.


Laura Rodríguez

MANGA, ILUSTRACIÓN

Fai xa uns anos intereseime polo manga e, en consecuencia, polo debuxo. A miña intención é levalo ao profesional e debuxar historias das que poida sentirme orgullosa, e que cheguen á xente tanto como me chegaron a min.

E-mail: hup_spain@hotmail.com