Sonda Norte promove un concurso de Microvideo no Ribadeo de Tapeo 2013

BASES CONCURSO MICROVIDEO RIBADEO DE TAPEO 2013
A Plataforma SONDA NORTE en colaboración co Concello de Ribadeo e do Hotel-Restaurante El Voar, pon en marcha o primeiro concurso de microvideos do Ribadeo de Tapeo 2013.

PARTICIPANTES
O concurso está aberto a todas as persoas que desexen participar.
A persoas participantes enviarán os seus traballos ao correo electrónico
sondanorte@ribadeo.org indicando os seus datos persoais completos,(nome e
apelidos e número de teléfono).
Cada participante só poderá enviar até tres vídeos e cederá os dereitos do mesmo a
Sonda Norte para a súa publicación.
As persoas participantes garanten ser o único autor ou autora do vídeo e titular de todos os dereitos
de autor. Así mesmo, será responsabilidade do ou da autora do video e participante recabar a autorización das persoas
que podan aparecer no vídeo, asumindo toda reclamación por dereitos de imaxe.

REQUISITOS DO MICROVÍDEO
O video terá unha duración de entre 20 e 60 segundos.
A temática a desenvolver deberá versar sobre a VIII Edición de RIBADEO DE TAPEO.
O video poderá ser gravado co teléfono móbil, con cámaras de fotos ou video.
O video terá que ser inédito e non poderá estar colgado en ningún sitio.

PRAZO
O prazo para a súa entrega será entre os días 10 de maio e 18 de maio ás 00:00

PREMIOS E XURADO
Só poderá haber un premio por participante:
O xurado estará composto pola coordinadora de Sonda Norte.
Haberá un premio do público e que corresponderá ao terceiro premio.
Haberá 1eiro, 2ndo, e terceiro premio: Os dous premios serán seleccionados polo
xurado composto pola coordinadora de Sonda Norte, e o terceiro será escollido polo
público a través da súa participación nas redes sociais
Tipos de premio
- 1eiro premio: 1 comida/cea no Hotel-Restaurante El Voar.
- Segundo premio : 1 comida/cea no Hotel Restaurante El Voar.
- Terceiro premio: 1 lote de produtos locais.

DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO
A plataforma Sonda Norte revisará os videos por se conteñen imaxes
obscenas, de violencia ou calquera otura cousa que crean que non se debe
publicar descalidficando o video para o concurso.
Os videos de moi baixa calidade ou que non sexan lexibles poderán ser
descartados.
Os videos recibidos serán enviados ao correo electrónico
sondanorte@ribadeo.org e serán publicados sempre na rede social de Facebook
de Sonda Norte: https://www.facebook.com/pages/SONDA-NORTECULTURApública/
Tamén poderán ser publicados nas redes sociais de

https://www.facebook.com/RibadeodeTapeo

http://www.facebook.com/ADLRibadeo

O video con máis “me gusta” os sábado 18 de maio ás 00:00 gañará o premio
do público.
A participación no concurso supón a aceptación das bases.

Para máis información :
http://sondanorte.ribadeo.org/                                             https://www.facebook.com/pages/SONDA-NORTE-CULTURApública/       sondanorte@ribadeo.org


Presentación de Rachando inercias en Compostela

O sábado 2 de febreiro as mozas de Ribadeo que participaron cos seus traballos no caderno Rachando inercias, presentaron a publicación en Compostela, na libraría de mulleres Lila de Lilith. Ata alí se achegaron Silivia Murias, Alba López, Tania Penabad e Silvia Muíña para recitar os versos propios e do resto de compañeiras que non puideron estar presentes no acto.

Esta iniciativa foi posible grazas á colaboración de Sonda Norte co Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo e ao labor de coordinación de Silvia Murias (SN) e Luísa González (CIM).


Capítulo 4 da SN TV.

Eis o cuarto capítulo da sonada Sonda Norte TV. Para pechar o ano, a Sonda Norte TV repasa a axenda cultural promovida pola plataforma nos meses que van de agosto a decembro. Foron sen dúbida semanas produtivas para @s sondanorteñ@s que queremos compartir e difundir para que cheguen lonxe, lonxe.

Dirixido e realizado por: elfarero www.elfarero.com                                                    Presentado por: Gonzalo Alonso.

Sonda Norte TV. Temporada 1 Episodio 4 (descarga).


Éxito de público na presentación do caderno Rachando inercias

Sonda Norte e o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo veñen de presentar esta tarde o caderno feminino Rachando inercias. Un proxecto froito da colaboración entre Sonda Norte e a Concellaría de Igualdade que, despois de varios meses de traballo, viu a luz.

Olladas e palabras en feminino que supoñen para as autoras un recoñecemento á súa escrita e ás súas visións sobre o mundo. Foi, sen dúbida, un acto emotivo no que as protagonistas foron Alba López Álvarez, Eva Moreda, Silvia Murias, Eva Lopez Suárez, Tania Mª Penabad, Silvia Muíña Moirón, Cristina Martínez, Silvia Martínez, Patricia Gómez Yáñez, Alicia Asenjo e Ánxela López Pulpeiro. Cómpre sinalar tamén a colaboración da escritora Marica Campo e os esforzos de Luísa González do CIM e Silvia Murias, de Sonda Norte, en facelo posíbel.


Sonda Norte participou no Mercado de Nadal

Ao longo do ano foron habituais as colaboracións de Sonda Norte con múltiples axentes locais, que deron conta da importancia de sumar  cultura+creatividade+desenvolvemento. Non foi menos nesta ocasión dado que a participación de Sonda Norte contou cun escaparate propio, o Espazo creativo local Sonda Norte.

Foi ao longo de varios días que os e as artistas complementaron a programación desenvolvida durante o mercado nas rúas da vila.

Se ben o martes Andrea Lombardía decoraba varios escaparates, chamando a atención das veciñas e veciños máis curiosos, o mércores, unha tropa de vinte nenas e nenos gozaron coas creación de Michimichiña.

Do mesmo xeito, o trío formado por Víctor Villar, Silvia Murias e Héctor Peña fixeron da tarde do xoves un espectáculo con numeroso público.

 

 

 


Exitosa presentación de Sonda Norte no Culturgal

Falar de Sonda Norte en Ribadeo é todo un orgullo. Non lles basta aos sondanorteños e sondanorteñas con pintar as tapas do sumidoiros, crear arte a esgalla, facer da vila un pequeno Seattle, ou escribir poemarios…Sonda Norte cruzou as fronteiras da Mariña para presentarse no Culturgal de Pontevedra, cunha actuación exquisita e peculiar de Víctor Villar, Silvia Murias e Héctor Peña. Foi o Rúacital, o espectáculo estrela da plataforma e xa un clásico nas rúas da vila.

Do mesmo xeito, fixemos labores de difusión e de contacto con outros axentes culturais galegos, todo nun ambiente ateigado de propostas e iniciativas culturais.

 

 

 

 


Sonda Norte no CULTURGAL

Ribadeo participa por vez primeira no CULTURGAL, o escaparate da cultura galega que vai ter lugar esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O sábado ás 19,30 h. terá lugar o famoso RÚACITAL. Será, coma sempre a cargo da guitarra de Héctor Peña, as cancións de Víctor Villar e os poemas de Silvia Murias.

Esta participación está encadrada dentro do proxecto Sonda Norte Exporta cuxo principal obxectivo é o de presentar a plataforma en diversos escenarios culturais e poñer en valor as e os artistas ribadenses. Así que xa sabedes, todas as persoas que estes días vos atopedes pola zona sur estades convidadas a asistir.


Axenda Feminista para o 2013

Xa está a venda a Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade para o ano 2013. Este ano, adicada ás escritoras galegas, conta coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e da sondanorteña Andrea Lombardía no deseño da cuberta (andrea.lombardia@hotmail.com).

A un prezo de 10€ podes adquirila en Ribadeo nas tendas Bis a Bis, A Casa das Letras e Guidán. Tamén á venda na libraría de mulleres Lila de Lilith en Santiagao de Compostela; na libraría Porta da Vila de Viveiro; en Comercial Auma e Libraría Atril de Burela e na Libraría Bahía de Foz.

Se no podes achegarte a ningún destes espazos, podes escribir ou chamar ao Observatorio da Mariña pola Igualdade (observatorioigualdade@gmail.com), que seguro vola poderán facer chegar.